-A formación, baixo a dirección de Cristina Taboada, comezou os ensaios en setembro de 2010 e vén a ampliar a oferta musical da vila
-A estrea da agrupación, que leva o nome do recoñecido tenor nado en Manduas, terá lugar no auditorio Manuel Dopazo, cun repertorio variado
Silleda, 20 de xaneiro de 2012. Despois de máis dun ano de traballo, o vindeiro sábado día 28 de xaneiro terá lugar a estrea do Coro Vales Mahía da Bandeira, unha formación integrada por corenta voces mixtas. A cita será no auditorio Manuel Dopazo ás 21.00 horas, coa interpretación dun repertorio variado que aglutinará distintos estilos e épocas musicais, dende o século XV ou XVI ata gospel, zarzuela ou temas actuais.
O proxecto botou a andar en setembro de 2010 por iniciativa da Banda Recreativa e Cultural da Bandeira, que con esta sección vocal amplía a súas posibilidades, contando xa coa Banda Xuvenil, de Veteranos e a Escola de Música.
Presentación do Coro Vales Mahía |
Á hora de buscar nome para a agrupación, un dos integrantes, Alberto Maceira, lembrou que na localidade nacera o afamado tenor José Vales Mahía (Manduas 1896-Bos Aires 1976), ao que a Casa de Galicia na capital arxentina becou para estudar canto en Italia, chegando despois a actuar por todo o mundo en grandes teatros e auditorios colleitando un grande éxito. Ao mesmo tempo tamén se contribúe a dar a coñecer a figura deste importante persoeiro que da ademais nome á praza situada xunto a este auditorio.
O coro está dirixido por Cristina Taboada, veciña da parroquia silledense de Lamela e unha das poucas profesionais adicadas á música que conta en Galicia co título superior de Dirección de Coro, especialidade que cursou no Real Conservatorio Superior de Madrid e que suma ao seu brillante currículum. “É un proxecto que afronto con moita ilusión. Teño moita empatía cos integrantes porque teño actuado coa Banda da Bandeira”, sinala a directora que tamén asume a traxectoria “como un reto, xa que a maioría dos integrantes da formación non ten estudos de música, algo que suplimos cun traballo do que estou moi orgullosa”, engade a directora.
O concerto do sábado estará presentado por Nicolas Camino Huertas, fundador da Asociación Galega de Radiodifusión, e un dos pioneiros da Radio Galega, onde presentou durante anos espazos de referencia para corais e bandas como “Concerto Popular” ou “Así canta Galicia,” programa este último que tamén dá título a un dos seus libros.
Un dos moitos ensaios |
Así mesmo, no acto tamén interviron a alcaldesa de Silleda, Paula Fernández Pena e o concelleiro de Cultura, Matías Rodríguez da Torre, que apadriñaron este novo proxecto co que A Bandeira e o municipio amplían a súa oferta cultural e musical.
Da Torre destacou a mocidade dos integrantes da formación coral, “cunha medida de idade que vai contribuir a unha maior proxección de futuro”.
A alcaldesa, Paula Fernández Pena, que pechou a presentación, apuntou que, “por riba da aportación desta iniciativa a nivel cultural é de reseñar a ilusión que manifestan os integrantes da agrupación.
No hay comentarios:
Publicar un comentario