http://www.lavozdegalicia.es/noticia/deza/2012/08/23/oportunidade-experiencia-maxica-acadacantocarboeiro/0003_201208D23C29929.htm
Dáse a conxuntura perfecta o día 31 ás 21.30 horas
para unha experiencia máxica, cultural, artística. O cuarteto que conforman
Guadi Galego, Guillerme Fernández, Xabier Díaz e Xosé Lois Romero en
aCadaCanto conxuga unha traxectoria musical de
primeira orde na música galega por confluencias o longo da historia en proxectos
tan sólidos como Berrogüeto, Espido ou Nova Galega de Danza. Silleda pon un
mosteiro de primeira orde como escenario, e o edil de Cultura, Matías Rodríguez
da Torre promoveuno ao ver que facer confluír ambos cubre dous obxectivos que
persigue o seu departamento: «expandir Carboeiro e xunguilo coa cultura propia
tentando de facer un cóctel máxico, nunha aposta por ofrecer cultura de calidade
e alternativa a opcións turísticas de outras zonas».
Implicación profesional
Os compoñentes de aCadaCanto
(salvo Romero) presentaron proxecto e concerto, onte na Casa da Cultura
de Silleda, mostrando gran implicación no mesmo. Concédenlle ao concerto de
Carboeiro simboloxía, contido, sensacións e valores especiais e distintos a
calquera outro dos que ofreceron. «É un concerto especial nun marco
incomparable», di Guillerme Fernández. «É algo distinto, exclusivo, propio para
disfrutar» dos contidos do disco de aCadaCanto «de acento
existencialista», explica Guadi Galego, quen asegura que se trata dunha
«oportunidade das máis bonitas para velo que facemos, e haber se a xente conecta
con nós».
Xabier Díaz asegura que o concerto «chega a
Carboeiro no mellor momento» e xustificouno sinalando que o grupo xa se
ensamblou moito nos concertos previos e «xa empezamos a ver esa chama que as
veces nos incendia a nós mesmos e nos provoca momentos de emoción». E engade que
o escenario incide tanto no grupo como nos asistentes porque son un acordeón,
unha guitarra e dúas voces, hai un clima especial e «silencios marabillosos».
Pedra, música e silencios. Todo levará ó intimismo, a espiritualidade, a maxia;
a outra variable de concerto sen cochiños, cervexa e banalización, reflexionan.
O 31 en Carboeiro dáse a confluencia de pedra e
música e maxia que trasladan á emoción.
No hay comentarios:
Publicar un comentario