ME GUSTA FACEBOOK

miércoles, 27 de febrero de 2013

Carboeiro, lembranzas dun encontro (I)

http://www.farodevigo.es/portada-deza-tabeiros-montes/2013/01/06/carboeiro-lembranzas-dun-encontro-i/736585.html


Quedo agradecido pola invitación que recibín de poñer por escrito e compartir cos amigos lectores deste xornal a miña experiencia sobre o Mosteiro de Carboeiro. Polo que a min toca, as seguintes verbas están lonxe dun intento de figurar, só pretendo lembrar algúns feitos que vivín de xeito intenso. Tiven a sorte de achegarme a Carboeiro, por primeira vez, a mediados de setembro de 1988 e abraiarme coa súa imaxe ruinosa: cuberto de maleza, sen teito, desprotexido, espoliados algúns dos seus mellores restos, podo dicir que vin un conxunto monumental nunha situación dramática. Xa pasaron 24 anos da data, non obstante o tempo transcorrido foi todo un mundo preñado de esforzos e traballo en equipo, en prol da súa restauración, que fixo posible que o conxunto monumental tomase novamente protagonismo no acontecer histórico, artístico, natural, espiritual, cultural e de lecer do Concello de Silleda.


 

RAMÓN VÁZQUEZ BARCALA Aló por un 3 de outubro do ano 88, catro monitores, un arquitecto-director do proxecto, este que lles escribe como titor, oito profesores máis de apoio, un administrativo e 48 alumnos (14 rapazas e 34 mozos), descritos, por aquel entón, nun artigo de prensa co rechamante nome de Los nuevos discípulos de Mateo, formamos parte da Escola-Taller San Lourenzo de Carboeiro-I (1988-1991 ), todos recibimos por parte do INEM e do Concello de Silleda, como entidade promotora, rexida, nesas datas, polo exalcalde Xoán Salgueiro, o cometido de comezar a súa restauración e rehabilitación integral, a subvención económica recibida foi considerable, os cartos eran para pagar o soldo do persoal directivo e formativo e as becas ós traballadores, os materiais, a ferramenta, a maquinaria, etc.
Posteriormente, en base ó traballo ben feito nestes primeiros tres anos, concedéusenos unha segunda fase da Escola-Taller San Lourenzo de Carboeiro-II (1995-1996), para outros 48 alumnos-traballadores, agora ben, xa cun montante económico moito máis modesto, non chegaba nin á metade do da anterior escola; foi así porque a subvención era para un ano menos de actividade e as instalacións, maquinaria e ferramenta estaban adquiridas xa da primeira etapa.
Os medios de comunicación, principalmente locais, foron con respecto a Carboeiro, un instrumento decisivo para incentivar e dar a coñecer o proxecto que se puxo en marcha. Dito isto, un tamén participou nalgunha que outra anécdota , como non lembrar a imaxe bucólico-pastoril que transmitía o amigo cabreiro de Carboeiro, Xosé González Alonso, que se inspiraba na arte do seu Mosteiro esculpindo cunha navalliña figuras en raíces de arbustos e madeiras do entorno. Por certo, labraba figuras sobre motivos románicos de estilo naif, foi tamén protagonista doutro artigo en prensa titulado El último cabrero gallego guarda la abadía de Carboeiro, e, ansioso por comunicarse, contaba historias interminables de fuxidos da Guerra Civil, das minas de Fontao ou inventaba calquera historia con tal de parrafear. O bo do home, ao tempo que lle brindaba a súa compañía ás ruínas, pastaba na magnífica vexetación do contorno monacal, o seu pequeno rabaño de cabuxas, acompañado dun canciño palleirán e que, moi o noso pesar, tivemos que invitalo a abandonar Carboeiro. Despois de insistirlle, conseguímolo polas boas pero con moita dificultade, xa que el dende pequeno consideraba que aquelas ruínas eran súas, pero para a boa marcha da Escola era un problemiña serio, xa que se dedicaba a dar instrucións tanto aos monitores coma aos alumnos do que tiñan que facer ou desfacer, isto implicaba inconvenientes en canto ó rendemento xeral.
E, postos a lembrar, como non mencionar a Manolo Penelas, o garda que mantivo lonxe de Carboeiro, con man férrea e dedicación plena, durante moitos anos, ós indesexables que se achegaban ao Mosteiro a ver se aparecía algunha pedra ornamental interesante, unha moeda ou calquera outro tesouro para meter no saco, como antano se fixera impunemente levando en carros columnas, inscricións e pedras.
Hai tres datos sobre o Mosteiro que, considero, débense ter en conta: Que Carboeiro é Monumento Histórico-Artístico por Decreto de 3 de xuño de 1931 (Gaceta 4-6-1931), equivalente a Ben de Interese Cultural, segundo a Lei 13/85 do Patrimonio Histórico Español. Que Carboeiro tamén é, sen lugar a dúbidas, unha das obras máis importantes da arquitectura de Galicia e de Europa. - unha terceira, que o propietario do Mosteiro de Carboeiro e o seu entorno é o Concello de Silleda. A este respecto, alá polo ano 1989, o Concello de Silleda mercou uns 28.319 m2, sete fincas do entorno do Mosteiro e o muíño, hoxe restaurado.
Dito isto, penso que se debe recoñecer que o preservar a fascinación e o interese sobre Carboeiro, dende hai moito tempo, realizouno ás mil marabillas a Asociación Amigos do Mosteiro de Carboeiro. Esta asociación, debe ser a máis antiga do municipio, tivo a súa orixe nunha reunión na Reitoral da Parroquia de Santiago de Breixa o día do Apóstolo do ano 1969; participou na reunión, como non, entre outros personaxes, o cura de San Tirso de Manduas, Xosé Espiño Matos, el estará sempre unido á historia recente de Carboeiro; os reunidos acordaron celebrar o día de San Lourenzo ou o domingo máis próximo ao 10 de agosto unha misa en galego amenizada por gaiteiros; nas celebracións dos primeiros anos a liturxia era en galego, isto chocaba co poder establecido e a festividade de San Lourenzo era vixiada, aínda que nunca foi prohibida. Foi inscrita no Goberno Civil de Pontevedra o 9 de xuño de 1973, e pertenceron a ela personaxes importantes como Carlos Valle-Inclán, Hipólito de Sá, Antonio Valenzuela, Xosé Filgueira Valverde, Benito Rivas, o referido Espiño Matos, Xosé García García, Casimiro Fernández Otero, Alfonso Trabazo, Mercedes Trabazo, Rvdo. Vidal López Ferreiro, Feliciano Barrera, Anxélica Jackson, Manuel Colmeiro Guimarás, Miguel de Santiago? Sería imposible nomear o listado completo, o que si é certo é que, sen excepción, distinguíronse todos polo seu amor a Carboeiro. Parece ser, segundo entendidos, que debería reconverterse nun padroado ou nunha fundación, cunha ampla participación: Concello, diversas consellerías como Cultura e Medio Ambiente, Deputación, Universidade de Santiago, Consello da Cultura Galega, etc.
Dando un pasiño máis, neste persoal relato, veuse que unha das carencias de Carboeiro era que non existía un libro que recompilase de maneira amena e profesional a súa historia; contábase para rematar con esta lagoa coa persoa ideal, o xornalista e historiador Armando Vázquez, así, da súa pluma naceu o libro Carboeiro, el arte que renace de sus cenizas, que zumega en todas as súas páxinas non só un serio estudo histórico, senón que tamén adorna ó libro o amor que o autor lle profesa a Carboeiro.
Xa hai tempo, polo Módulo de Xardinería da Escola-Taller publicouse unha guía sobre As árbores e arbustos do entorno do Mosteiro de Carboeiro, hoxe esgotada, e tamén este servidor, en base a un guión que lle doou o señor cura da Bandeira, redactou e publicou un libriño titulado Un Mosteiro camiño a Compostela, unha pequena fabulación sobre a fundación do Mosteiro polos condes Don Gonzalo e Dona Tareixa.
Así mesmo, destacar que Carboeiro, nestes derradeiros anos, é protagonista de teses de fin de curso de universitarios e tamén obxecto de numerosos artigos nos medios de comunicación. Faltaría á verdade se pasase sen sinalar que o Concello de Silleda segue realizando dípticos e trípticos turísticos, en galego, bilingües e incluso con tradución ao inglés, coido que en canto a este tema, ás visitas e á actividade cultural que se realiza nel, é máis que satisfactoria.
Avanzando nesta pequena crónica, que só pretende dar unhas pinceladas sobre os primeiros anos da restauración, calquera disertación verbal ou escrita que se faga sobre Carboeiro quedaría manca se non se fixese unha referencia ó Estudo Piloto Previo e Proposta de Restauración e Rehabilitación Integral do Mosteiro de San Lourenzo de Carboeiro e o seu entorno. Isto é así, simplemente, porque este plan piloto (Xunta de Galicia-Concello de Silleda) é o documento que vén a regular todas as accións de restauración de Carboeiro e o seu entorno e os seus posibles usos unha vez rehabilitado, e vén a dicirnos tamén que Carboeiro ten condicións para converterse nun polo ordenador do territorio da Comarca de Deza, xa que esta personalidade reside no seu múltiple atractivo histórico, arqueolóxico, artístico e paisaxístico. Por iso, é importante o uso continuo de Carboeiro, tanto para axudar a configurar a súa futura usanza e papel, como para garantir unha axeitada conservación, xa que, como calquera outro edificio, se está en actividade, estará asegurado o seu mantemento.

No hay comentarios:

Publicar un comentario